Saturday 04 de May de 2024

Unanimidade na Deputación ao modificado do proxecto proposto polo concello paras as obras da rúa Lorenzo Mariño en Aguiño


A Deputación da Coruña mantivo unha sesión plenaria na que foron aprobadas por unanimidade ás modificacións do proxecto propostas polo Concello en relación ás obras de seguridade viaria programadas para a estrada de titularidade provincial que se corresponde coa rúa Francisco Lorenzo Mariño, en Aguiño.

Conclúe con éxito pois o último trámite administrativo antes de poder materializar a obra, previa licitación, nos termos consensuados polo alcalde Manuel Ruiz con colectivos veciñais e comerciantes da zona e aprobados por todos os grupos no pleno da semana pasada.

Neste senso, o proxecto variará o eixo da estrada, de tal forma que unha das beirarrúas (a esquerda indo en dirección a Aguiño) terá un ancho uniforme mínimo de 1,80 metros, mentres que a contraria oscilará entre un mínimo de 1,40 e un máximo de 4,47 metros (isto, no caso dos tramos con marquesinas), cunha media aproximada de 2 metros.

Alóngase ademais a obra en 130 metros ata chegar ata a rúa do Carreiro e propíciase a creación dunhas 70 prazas de estacionamento, o dobre do actual. Tamén se adianta a decisión sobre un ou dous carrís, decantándose por esta última opción.

O resto do proxecto queda igual, con seis pasos de peóns elevados, novas beirarrúas, dúas liñas de pluviais e soterramento eléctrico.